: febrero 2016

Si me sueltas entre tanto viento,¿cómo voy a continuar?


Ás veces penso que son feliz. Neses pequenos instantes nos que alguén di algo gracioso e non podo parar de rir. O aire entra e sae do meu nariz a un ritmo desenfreado e sinto unha leve picada de dor que só me chega para facerme rir máis e máis forte. Da miña gorxa sae un ruido escandaloso que se entrecorta a tempos intermitentes, como cando un semáforo cambia o ambar polo vermello.
Pero despois duns instantes decatome de que esa sensación radiante é igualmente fugaz, e que non podo facer nada para preservala, non logro reter ese sentimento de enchemento, de pura enerxía no interior do meu corpo. Cada vez decrecen máis eses momentos e cada vez levan mais de min na súa marcha, baleirándome aos poucos. Ante esta realidade non podo facer máis, non logro escapar da escuridade.
Así que últimamente actúo como calquera autómata falto de vida. E polo de agora ninguén parece botar en falta o que cheguei a ser, así que non entendo por qué debería molestarme.
Xa non atopo motivo para levantarme cada día, non sinto a emoción de Freddie ao subirse aos escenarios, non noto adrenalina con ningunha actividade que antes me apaixonaba ata o punto de meterme medo.
Sinto como que unhas mans afunden na miña gorxa e me impiden respirar con normalidade ou pensar con claridade. E só quero que alguén me axude, me axude a deixar de notar esa presión na gorxa e esa terrible dor na cabeza. Iso ao mellor me deixaria poder gozar cun xeado de chocolate ou con aquela canción que tanto me gusta. Ao mellor así podería deixar de sentir como que toleo cada día e ninguén se decata.
De veras que me encantaría poder berrar a todo pulmón ante o ceo nubrado, que sería xenial tirarme dende un acantilado ou poder bailar ata non notar os pés, e sentir esa enerxía, esa picada de dor que me recorda que sigo viva e que me fai gozar máis que nada. Pero por moito que o intento (e credeme cando vos digo que o fago) non pode saír de min esa ansia por vivir, esa paixón pola vida. Nona atopo por moito que trate de facelo.
Adoraría poder sentir a liberdade polas miñas veas, pero nunca a vin realmente, non sei como é de preto, só logrei divisala ao lonxe algunha vez.
Ás veces penso que non existe. Que ambas as dúas non existen.
As persoas adoitan falarnos de contos de fadas, como se fosen reales, que nalgún momento da nosa existencia chega unha persoa, máxica e especial que nos cambia a vida para sempre. Iso é o que nos ensinan dende pequenos, que temos que agardar a que chegue esa persoa pola que dar a vida, entregar todo o que queres e quererás, só polo pracer de vela rir. E de verdade penso que non hai ninguen así para min, que ninguén merece todo o meu ser máis que eu mesma. Non penso agardar por algo que nunca pretendín. Se alguén vai cambiar a miña vida debo ser eu. E nunca ninguén poderá facerme sentir algo tan forte ata o punto de tolear (máis). Porque a miña vida é miña, e non é un conto de fadas.E ainda que son consciente non logro saír deste estado permanente de instaisfacción, sigo a ser o autómata de sempre. Tampouco é que lle importe a ninguén.